Notificación Catastro

En datas recentes, dende a Xerencia Rexional do Catastro estanse remitindo notificacións de dous tipos: “ACORDO DE BAIXA DE BEN INMOBLE” e “ACORDO DE NOTIFICACIÓN DE VALOR CATASTRAL”, ambas relacionadas coa actualización da cartografía catastral do municipio afectado.

A primeira delas débese á simplificación de referencias catastrais, por exemplo: unha parcela de natureza rústica que conteña unha construción pode ter a día de hoxe unha referencia catastral para a parcela e outra para a construción. Con esta actualización dáse de baixa a referencia da construción e mantense a referencia catastral coa que contaba a parcela, que agora engloba tanto á parcela como á construción.

A actualización do valor catastral débese á incorporación das zonas de Solo de Núcleo Rural (SNR) contempladas nas Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal (NNSS) no caso do concello de Melide, e no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello de Santiso.

As NNSS do concello de Melide foron aprobadas no ano 1994, establecendo nelas as delimitacións do Solo Urbano e do Solo de Núcleo Rural. A súa incorporación á cartografía catastral non se realizara, tributando estas parcelas como solo rústico até a actualidade, polo que con esta actualización cartográfica, os terreos dentro da delimitación de Solo de Núcleo Rural son considerados a efectos catastrais como solo de natureza urbana, vendo modificado o seu valor.

Na seguinte imaxe vemos a incorporación da delimitación de SNR do núcleo de Orois tendo en conta a delimitación establecida nas NNSS.

NNSS Melide

No caso do concello de Santiso o procedemento é similar, coa diferenza de que neste concello o PXOM aprobouse no ano 2014. Na imaxe amósase o núcleo de Sestelo, onde se pode apreciar cómo a delimitación de núcleo recollida no PXOM xa está incorporada á cartografía catastral.

PXOM Santiso

Para calquera consulta non dubide en poñerse en contacto con Gabinete Cartotec e darémoslle unha resposta individualizada para o seu caso.

    Algún proxecto en mente, problemas co catastro? Déixanos o teu contacto e chamámoste sen compromiso